Wednesday 01 de May de 2024

Carnaval en Moeche, que se confirma como referente dos Martes de Entroido


Carnaval en Moeche, que se confirma como referente dos Martes de Entroido non só para o concello anfitrión, senón tamén para os de Cerdido, San Sadurniño, As Somozas e outros municipios da zona.

Houbo moito público e moitas máscaras, atraído sen dúbida polo acolledor do recinto nunha tarde de orballo e pola irresistible merenda a base de chocolate con churros, ademais dos xogos e a música para a rapazada que trouxo LaGuaGua e os premios que se entregaron para o mellores disfraces individuais e de grupo.

Na relación de máscaras que desfilaron pola nave do mercado modestino puidemos ver de todo: princesas, super heroes e heroínas, unha comparsa de Super Mario Kart, unha grande torta de amorodos, o coche dos Picapedra -con Pedro, Pablo, Betty, Vilma, Peebles e Dino-, unha chea de Mércores Addams, un orixinal disfrace de camelia, a Freddy Mercury ataviado coma naquel famoso vídeo do I want to break free, meigas voando nas súas vasoiras, unha nena do exorcista en plena convulsión diabólica encirrada pola auga bendita, un grupo de aeróstatos sucando o ceo, unha colmea cunha única e diminuta abella… e tamén os clásicos vellos e vellas e máscaras indefinibles pero sempre simpáticas que encheron o espazo coa súa troula.

O Entroido de Moeche despídese até o ano deixando un bo sabor de boca (non só pola merenda) e o Concello empeza a pensar xa na seguinte grande cita do calendario municipal: a Feira do Queixo, que volve o 26 de marzo tras tres anos sen se celebrar.